PABLO GONZALEZ MARIÑAS
Nado na Coruña no ano 1944, é Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago (1965) e doutor “cum laude” pola Autónoma de Madrid (1973).
Diplomado en estudos hispanoamericanos pola Universidade de La Rábida (1964). Pertence ao Corpo de Administradores Civiles Superiores do Estado (1968) e é profesor titular de Dereito Administrativo (1979).
Ademais da súa intensa labor docente nas máis prestixiosas universidades, González Mariñas ten publicado os libros: “Génesis y evolución de la Presidencia del Consejo de Ministros en España” (Madrid, 1974); “La inejecución de sentencias de los Tribunales contencioso-administrativos” (Madrid, 1975) ; “Las Diputaciones Provinciales en Galicia: del Antiguo Régimen al Constitucionalismo” (A Coruña, 1978), primeiro premio de investigación xurídica para Facultades de Dereito do Banco Castro Canosa, en 1979; “O nacionalismo hoxe” (Santiago, 1989); “Galicia: ¿provincia única?” (Santiago, 1989); “Territorio e identidade: Galicia como espacio administrativo” (Santiago, 1994), galardoado co “Premio Manuel Colmeiro”, da EGAP-Xunta de Galicia, na súa II Edición; “Comentarios al Proyecto de Ley de Contratos de las Administraciones Públicas” (coordinador) (Xunta de Galicia-EGAP, Santiago, 1994); “A Lei de Administración Local de Galicia” (Director) (Xunta de Galicia-EGAP, Santiago 1998); “Disciplina urbanística en Galicia” (Revista Xurídica Galega; Pontevedra, 2001); e máis dun cento de artigos en temática xurídico-administrativa.
Tamén ten prologado máis de vinte libros e dirixido numerosas teses doutorais. Habitual conferenciante en materia xurídico-pública nos máis prestixiosos foros galegos, do Estado, Portugal e hispanoamérica.
Foi Secretario do Instituto de Estudos Administrativos da ENAP; Secretario da Revista “Documentación Administrativa”; membro da Comisión de Transferencias das Deputacións Provinciais á Xunta de Galicia; Vicepresidente da Comisión do Anteproxecto do Estatuto de Autonomía de Galiza (”Estatuto dos 16″), entre outras moitas.
Foi deputado do Parlamento de Galicia en tres lexislaturas (1981-85, 1985-90 e 2005-09) e Secretario da Mesa do mesmo na primeira. Foi Candidato por “Coalicíón Galega” á Presidencia da Xunta de Galicia e fundador e Secretario Xeral do Partido Nacionalista Galego e, despois da fusión co histórico Partido Galeguista, do PNG-PG e, asimesmo, candidato á Presidencia da Xunta por este partido. Tamén foi Conselleiro da Presidencia e Administración Pública da Xunta de Galicia e voceiro do Goberno autonómico (1987-1990).
Actualmente é profesor titular de Dereito Administrativo na Facultade de Dereito da Universidade da Coruña. Está en posesión, dende 1970, da Encomenda da Orde Civil de Alfonso X el Sabio e tamén posúe a Insignia de Ouro da Facultade de Dereito da Universidade de Santiago.